viernes, 16 de mayo de 2008

A visita

A Virxe de Sopetrán, na planta baixa, laméntase de que non lle fagan caso. Por iso, o Arcanxo da “Anunciación” de Fra Angelico proponlle á súa Virxe convocar ás Santas Marías do Prado para visitar á Madonna de Sopetrán e rendirlle pleitesía. E así, reunidas polo arcanos Gabriel, encamíñanse en procesión, encabezadas pola Virxe do Beato Angelico, e en primeira fila van a do retablo de Nicolás Francés, a do Cabaleiro de Montesa, a dos Reis Católicos, a de Luis de Morales, a de Berruguete e as do Greco, ademais das de Velázquez, Alonso Cano e Juan Bautista Maino, Antolinez, Claudio Coello e as de Murillo. Máis atrás van as estranxeiras, entre as que se contan as Dolorosas de Tiziano, a de Giorgione, Luini, Rafael, Andrea del Sarto, Correggio, Dierick Bouts, Memling, Gerard David, Patinir, Mabuse, O Bosco,… Forman un cortexo barroco, ampliado cos seus séquitos. Pero na rotonda hai unha turba múltiple de cabaleiros de armas, entre os que están a soldadesca das “Lanzas” de Velázquez ou os defensores de Cádiz de Zurbarán. Ante a proximidade da saída, as Inmaculadas fan ademán de botarse a voar e abandonar o Museo, mais o arcanos Gabriel convénceas de que se queden para que os visitantes as contemplen na súa gloria. Aínda que non chegaron ata a Virxe de Sopetrán por culpa do balbordo da soldadesca, esta, enterada do acto de homenaxe cara a ela que se promovía, emocionada rende visita á Virxe do Beato Angelico, a partir dese momento cada primeiro xoves de mes ás sete en punto da tarde. E o exemplo é seguido por outras Virxes.

“Anunciación”, do mestre de Sopetrán.
“A Anunciación”, de Fra Angelico.
“Retablo da vida da Virxe e San Francisco”, de Nicolás Francés.

ACTIVIDADES:

- Ao respecto do tema da Anunciación, le o seguinte fragmento da obra de Louis Réau "Iconografía da arte cristiá" e trata de identificar todos aqueles aspectos que se poidan aplicar á pintura de Fra Angelico:

"O que esencialmente diferencia á Anunciación de temas análogos como a Visitación é que os dous principais actores pertencen a mundos diferentes. O anxo é unha criatura celestial, en principio incorpórea, en calquera caso alada e inmortal, que escapa ás leis da pesadez e da morte. A Virxe, pola contra, é unha criatura humana, infinitamente pura, mais sometida a todas as servidumes da condición terreal.
Por outra banda, os dous personaxes difiren non só pola súa esencia senón polo seu papel: o anxo que transmite a mensaxe divina é activo, a Virxe que a recibe é pasiva. A súa reacción, que non se traduce de xeito algún por un consentemento total e inmediato, senón por unha vacilación e un replegue, en calquera caso é moi feble.
De ahí resulta unha disimetría que é inherente ao tema. As dúas figuras son desigualmente expansivas: o anxo das grandes ás despregadas esixe máis espazo que a Virxe amedrentada que se acurruca no recanto do oratorio.
Desde o punto de vista espacial, a consecuencia é que o espazo se fracciona en dúas partes desiguais e disímiles: en vez dun espazo homoxéneo, dunha escena ao aire libre ou interior, temos un espazo mixto, aberto e pechado á vez, cun fóra e cun dentro. Ás veces, o espazo aberto non é máis que un pórtico exterior adosado á casa da Virxe. (...) Esta dualidade do espazo está subliñada pola iluminación: o anxo sempre está da beira da luz, mentres que a Virxe permanece na sombra. (...)"

- Olla este vídeo sobre o retablo da catedral vella de Salamanca e describe como é a estrutura dun retablo.

No hay comentarios: