sábado, 31 de mayo de 2008

Relato de creación: A emigrante

"Nunha tea do museo, un home permanece de pé, mentres a súa muller sentada tece o seu labor. Os dous, de avanzada idade, pouco a pouco comezan unha animada conversa. Falan de Mercedes, a súa neta máis nova emigrada hai anos. Nese tempo ela acudiu varias veces visitalos, mais sempre que veu eses días soubéronlles a pouco.
Nos anos que estivo alí, as súas cartas chegaban con moitos días de atraso, de pouco a pouco. Eran lidas con avidez polos avós que lembraban aquela rapaciña intrépida e solitaria de ollos sempre abertos. Mercedes sempre fora unha rapaza diferente.
- Nunca está contenta co que ten – dicía a súa nai.
- Está sempre a soñar esperta coas Américas - respondíalle o pai.
Os avós, especialmente a avoa Carme, sentían que ela era máis que unha neta, ela era como a filla que eles nunca tiveran. Cada vez que lía unha das súas cartas, a avoa Carme, non só lía entre liñas, sentía tamén o arrecendo do medo e a soidade que padecía a rapaza. Pois se ben Mercedes falaba sempre das novas experiencias como algo bo e enriquecedor, a avoa intuía as noites sen durmir chea de fame e preocupación, os desprezos dos señoritos que a empregaban e tantas outras cousas que era mellor non pronunciar por non facelas máis doentes.
Todo cambiou repentinamente cando recibiron aquela bendita carta.
- A nosa netiña di que pronto volverá xunto a nós. –Dixo o avó con bágoas reprimidas que querían asomar aos seus ollos cansos polo paso dos anos.
Os velliños teñen moitas ganas de vela, de escoitar a súa voz, de abrazala e reunir a toda a familia xunto a lareira para contarse todas as historias do pasado e do presente.
De súpeto, aparece unha figura de muller que se achega a eles cun sorriso permanente nos beizos. A emigrante está de volta, ¿o conxuro fixo o seu efecto tamén con eles?.
Mercedes dille aos avós que regresa para sempre, non lle foi mal por Suiza, mais nunca deixou de sentir morriña pola súa terra. Non houbo día ao erguerse que non se acordara dos verdes prados da aldea, do canto do galo Perico a calquera hora do día, das mulleres tecendo e contando historias e de tantas outras cousas que lle daban vida ao recordalas. Lembraba cada vez que soaba unha campá, as da súa igrexa e o son das gaitas era para ela música celestial.
Lembraba a rapaza ao Boieiro Xan de Castro, o castelán. O home saía cada mañá moi cedo da casa, cando as luces eran un máxico conxunto de vermellos e dourados, e todo tiña un candor rosáceo, o mesmo que tiña el nas súas meixelas.
Só con velo pasar polo carreiro do río, ela sabía que todo empezaba ben, pois Xan non deixara nunca de regalarlle un sorriso a súa veciña preferida.
Cando remata Mercedes o seu relato de vellas lembranzas, o avó recorda que o domingo hai unha romaría no campo da igrexa polo San Mateo no que tocará o grupo de gaitas de Ordes.
- Iremos de festa. Que mellor motivo para festexar que a túa volta?.
Deciden, pois chamar a Manuel e Antón, os seus fillos, para que veñan ese día con toda a familia.
Nun día soleado de domingo,escoitase o son da muiñeira de Chantada, mentres a xente marca os pasos animada nos arredores da igrexa. Ao fondo vense as vacas de Marcial do Val que as leva a pastar.
- Ven xunto a nós bailar uns pasos, ¿non descansas nin en día de festa?. - Dille un veciño.
- Non estou para moita leria. A rapaza segue mal e prefiro distraerme un anaquiño co traballo. – Contesta Marcial.
Cóntalle Manuel a Mercedes que a rapaza colleu unha enfermidade desas raras que só acontecen de cando en vez. Empezáronlle pouco a pouco a saír unhas ronchas por todo o corpo e paralizáronselle as pernas. Levárona a Coruña para ver que tiña, pero aínda seguían facéndolle probas para ver se atopaban algunha causa e, o máis importante, algunha solución.
Marcial visitou a tódolos médicos e curandeiros da zona, por non falar dos santuarios que xa os percorrera case todos... Así que antes de ir coas vacas, fora xa cedo á misa para pedirlle de novo o santo pola súa filliña.
Mercedes ve marchar a Marcial e dalle moita mágoa, pensa rezar a cotío pola rapaciña a ver se mellora.
No campo, a uns poucos metros, están dous mociños novos sentados no chan nunha manta de cadros azuis. O rapaz mira a rapaza con ollos de namorado.
- Teño que dicirche algo que levo moito tempo sentindo, pero que non me atrevía a dicirche.
- Dime, Xesús.
- Xa sei que somos amigos desde moi pequenos e que ao mellor ti me ves só como iso, o teu mellor amigo, mais eu sinto algo máis. Xa hai tempo que este sentimento naceu dentro de min. Ao principio non quixen velo, pero agora non o podo ocultar.
Carmen, quérote.
A rapaza achegouse a el e fundíronse nunha aperta sen fin.
Mercedes, que mirara toda a escena, non intentou evitar a mirada de tenrura que lle percorría toda a face. A súa mente en segundos xa estaba noutro lugar, nun día de xullo de romaría, cando Andrés se lle declarara. Como pasara o tempo!.
Unha voz a distrae dos seus pensamentos.
- Mercedes, ven comer.
Esquecera que xa era hora do xantar, se non fose porque a súa avoa estaba sempre pendente dela...
Achégase a súa familia, non sen antes contemplar o fermoso que é velos a todos xuntos. Alí no chan, enriba dun mantel con raias vermellas, esténdese unha morea de manxares apetitosos: polbo, empanada de millo , queixo do país. Como estranara esas comidas!."

"Emigrante". Luis Seoane
"Os avós". Álvarez de Sotomayor
"Escena de romería. Boceto". Carrero Fernández, Jenaro
"O boieiro castelán". Joaquín Sorolla

viernes, 30 de mayo de 2008

Relato de creación: Paseo nocturno de San Andrés e Madalena

"Noite de lume, noite meiga
que vivan as almas prendidas nas teas.
Que vaguen, que sintan
que se enchan de vida.

Estas intensas verbas foron vertidas por un home baixiño e robusto que despois de varios anos coidando das salas integrantes do museo de Belas Artes, non pode resistirse a desexar que as pinturas cobren vida.
Así, na noite do 23 de Xuño, mentres A Coruña se prepara para festexar a súa noite meiga e xa se deixa intuír o crepitar da leña ao arder, miles de desexos se entrecruzan. Entre eles, un conxuro dun vixiante, farto de ver as almas dos amigos de tantas noites compartidas, presas nas cores dos cadros. Gustaríalle soamente por un intre poder conversar con eles.
Mais nesa a súa derradeira noite, o vixía marcha, non sen antes despedirse, decepcionado polo seu desexo frustrado.
O que el non sabe é que esas poucas verbas si tiveron o seu efecto….
Na media noite, as personaxes dalgúns cadros comezan unha profunda viaxe que o vixía xa non poderá ver. De tea en tea realizan un continuo percorrido polas vidas doutras figuras, polas experiencias vitais, por diversas paisaxes tan fermosas como irrecoñecibles para eles.

Soan as doce no reloxo do museo. Unha sombra escorrégase polo corredor da primeira sala .
A sombra de San Andrés, que ao escoitar o canto dunha voz feminina, segue o rastro dese son pracenteiro. Ese home xa ancián, calvo e de barba branca, lembra, mentres vai camiñando, os seus días de mariñeiro. Cuberto por unha túnica deslízase pouco a pouco lembrando eses días nos que saía ao mar.
Aqueles días nos que, como o vello Simbad, non conseguía esquecer ese arrecendo profundo de sal e auga brava. No que a terra semellaba unha illa distante e afastada como unha muller que por vez primeira se namora. Días bos e malos a bordo da barca na que os homes estaban e ficaban sós, nos que os pensamentos máis recónditos non saían á luz e, con todo, as soidades non compartidas achegábanse ás almas.
Non pode esquecer tampouco os días de milagres acompañado dos seus antigos compañeiros, lembra os seus tempos como apóstolo de Xesús e estránaos a todos.
Lévao de novo á realidade unha imaxe sobrenatural, mais cunha faciana familiar. Unha muller case desmaiada aparece ante os seus ollos sostida por dous anxos. Diríxese a eles con esa voz tenra que antes escoitara o santo para darlles as grazas por coidala durante todo o tempo en que se sentiu mal.
A dona da beleza proscrita e fraxilidade prerrafaelista mostra no fondo dos ollos un segredo moi doce, que xa non esconde, pois atrás quedaron os vellos tempos de invisibilidade e amarga dor.
Todo nela resplandece como un raio de luz. Poderíase dicir que semella un raio de lúa, pois o seu segredo compartido fai sentir mellor a quen a entrevé entre as brétemas nocturnas.
María Madalena recoñece ao santo que tanta paz lle inspirara noutros días. Ao pedirlle que o acompañe nunha visita pola cidade e os seus arredores, ela alédase moito e camiñan falando dos seus tempos e de todo o acontecido nas súas vidas.
Todas as conversas que escoitaron no recinto do museo sorprendéronos dunha forma impresionante. Nada é xa o que era....
Sorpréndense da compaña de San Andrés unhas damas moi elegantes, que conversan sobre a última moda en Milán. María Luísa de Orleáns acompáñase dunha dama moi elegante, María Antonia Fernanda, esposa de Vitorio Amádeo III, que está de visita na cidade . As dúas quedan escandalizadas pola vestimenta da muller, unha túnica que a envolve e unha longa melena que lle cae polos seus ombreiros espidos. Elas saen con paso apurado e van xunto a Carlos I de Inglaterra para contarlle o acontecido e pedirlle que poña un pouco de orde, falando coa muller para que corrixa esa actitude indecente. Mais el case non lles presta atención, ocupado como estaba ensaiando diferentes posturas para o seu próximo retrato. Faláranlle dun artista francés que pinta magníficamente e quere que sexa a súa mellor pintura, así que elas, decepcionadas, déixano e seguen falando das súas cousas.
Mentres tanto, Madalena e San Andrés continúan a súa andadura e chegan xunto a un pai que aconsella a súa filla. Ela está preocupada porque os seus amigos non lle fan caso e se mofan dela. Páranse con eles e reflexionan todos sobre a importancia da amizade e o difícil, pero importante e reconfortante, que é atopar verdadeiros amigos.
Ao lonxe contémplase unha fermosa vista da Coruña. No centro da imaxe levántase con alma de pedra a torre de Hércules, que aparece séculos despois do seu nacemento, situada nunha paraxe de camiños, prados e mar.
Relata San Andrés, gran viaxeiro e coñecedor de historias, as lendas da orixe da torre. Traslada así Madalena os seus pensamentos as personaxes de Xerión, Hércules, Crunia e a todo o que se di que aconteceu neses días.
No fondo, o mar é un mariñeiro de camisa vermella que aparece descalzo recostado sobre o chan. No seu camiño cara a esta paisaxe mariña, ven levantarse ao mariñeiro que lentamente se achega ao santo e pregúntalle se o pode bendicir para ver se ten máis sorte no mar. Cóntalle que nos últimos tempos as súas redes quedaron case baleiras, e fálalle dos temporais aos que están expostos el e os seus compañeiros de profesión. Dille que os tempos cambian e o mar xa non é o que era: a contaminación, os cambios no clima están facendo moito dano. O vello, compasivo, bendíceo, máis lamenta a situación provocada polos homes e decátase de que a solución terá que partir deles. Despídense, quedando comprometido o mariñeiro da camisa vermella de concienciar socialmente á xente sobre este tema.
Camiño da ría do Burgo, van contemplando a típica paisaxe galega, cando atopan a catro mariscadoras . As mulleres están agachadas traballando e cantando cancións típicas da terra.. Contemplan o santo e a muller a alegría coa que fan as súas tarefas a pesar do duro das mesmas. Elas relátanlle o cedo que se ten que levantar polas mañás para atender as súas casas e despois ir traballar, o duro do sol queimando na testa, a rudeza das súas mans...Pero tamén a alegría de facelo xuntas, no mar, e de poder manter as súas familias.
Unha canción de despedida sae do seu corazón, e os sons ledos e acordes acompañan as dúas figuras na súa volta ao museo.
Con alegría quedamos despois da vosa visita
e seguiremos mariscando cheas de ledicia.
Con alegría vivimos a pesar da dura vida
e como sempre cantando coa ilusión de cada día.
Xa de volta, Andrés e a súa acompañante, despídense e regresan ás teas. Foi unha visita fermosa que esperan non sexa a última."

"San Andrés", de José de Ribera.
"A Madalena sostida por dous anxos". Annibale Carracci
"Retrato de prometida de María Luísa de Orleáns". Anónimo francés.
"Carlos de Inglaterra en tres posturas". Antón Van Dyck
"María Antonia Fernanda de España, esposa de Vitorio Amádeo III". Doménico Duprá
"Vista da Coruña". Alejandro Ferrrant
"Mariñeiro". Modesto Brocos Gómez
"O consello dun pai". Plácido Francés y Pascual.
"Paisaxe galega. Ría do Burgo".
"As mariscadoras". Luís Seoane

jueves, 29 de mayo de 2008

"Un novelista en el Museo del Prado"

En 1984 publicouse "Un novelista en el Museo del Prado", unha pequena obra do escritor arxentino Manuel Mújica Láinez que fabula unha serie de historias que acontecen na pinacoteca madrileña cando pecha aos visitantes. Cada noite sucédense acontecementos inverosímiles, que grazas á narración do autor nos permiten ir coñecendo mellor aos protagonistas dos cadros, dalgúns cadros.
Os personaxes cobran vida e expresan sentimentos e emocións. Este punto de partida sérvenos para tentar centrarnos máis a fondo nos principais protagonistas das historias. Cada post dos que veñen a continuación, en orde inversa á proposta no libro, resume un capítulo e lévanos a coñecer máis a fondo cada obra, aproveitando esencialmente a información contida no propio Museo do Prado e outras webs de interese.
Accede ao libro do escritor arxentino.

ACTIVIDADES XERAIS

- Realiza un cadro-síntese de todas as obras seleccionadas en cada capítulo, indicando: título, autoría, data de creación, estilo, tema (relixioso, mitolóxico, natureza morta, paisaxe, retrato,...).
- Escolle a obra que máis che guste das seleccionadas e realiza un estudo iconográfico e estilístico en profundidade da mesma.
- Escolle a historia do libro de Mújica Láinez que máis che guste e recrea, coas obras seleccionadas e coas túas verbas, unha historia distinta. Prepara un monólogo para contar ás/aos túas/teus compañeiras/os de aula a devandita historia.
- Crea unha presentación coas obras seleccionadas do capítulo que máis che guste, sinalando en cada caso aspectos temáticos dignos de mención.
- Realiza unha serie de actividades de síntese.

ACTIVIDADES DE ANÁLISE TEXTUAL DOS RELATOS
"Animada escuridade no Museo de Belas Artes"

ANÁLISE TEXTUAL. (ALUMNADO DE BACHARELATO)

1.
a) Indica a qué tipoloxía textual pertencen os relatos Paseo nocturno de San Andrés e Madalena e A emigrante. Di cales son as súas características e resume o contido dos mesmos.
b) Indica o espazo e o tempo dos relatos. Indica por que no primeiro todo sucede o 23 de Xuño. Que significado ten ese día?
2. Describe os elementos da comunicación presentes no primeiro relato.
3. Sinala algúns dos elementos deícticos presentes no texto.
4. Que marcadores espaciais atopas no relato de San Andrés e Madalena?
5. En qué persoa está escrito o primeiro texto?. Por que cres que é así?
6. Analiza morfolóxica e sintácticamente a oración: No centro da imaxe levántase con alma de pedra a Torre de Hércules, que aparece séculos despois do seu nacemento, situada nunha paraxe de camiños, prados e mar.
7. Explica por que se trata dun texto literario. Xustifica a túa resposta.
8. Indica se é subxectivo ou obxectivo. Explícao razonadamente con exemplos do texto.
9. A que xénero literario pertence o texto Paseo nocturno de San Andrés e Madalena?. Indica as características do mesmo.
10. Que figura literaria atopas no poema que abre o primeiro relato?. E na frase: Todo nela resplandece como un raio de luz?. Señala outros recursos estilísticos que aparezan no texto.
11. No segundo relato, quen é a protagonista?. Cales son as súas características?
12. Indica como aparece tratado no relato A emigrante o tema da emigración.
Redacta un texto argumentativo a favor ou en contra da emigración


ANALISE TEXTUAL ( SEGUNDO CICLO DA ESO)

1. Indica a que modalidade textual pertence o relato Paseo nocturno de San Andrés e Madalena.
Cales son as súas características?
2. Di se os seguintes adxectivos son especificativos ou explicativos: home baixiño e robusto, longa melena.
3. Indica en que consiste un retrato (textos descritivos). Copia a parte do primeiro relato onde aparece.
4. Que tipos de personaxes aparecen no relato de San Andrés e Madalena?. Indica as súas características.
5. a) Cal é a rima que presentan os versos que abren o relato?.
b) Conta as sílabas dos versos e indica o nome dos versos segundo o número que teñan.
c) Que figura literaria aparece nos versos 3 e 4?
6. Indica o nome dos recursos estilísticos que aparecen nas frases seguintes:
Todo nela resplandece como un raio de luz.
Traslada así os seus pensamentos as personaxes de Xerión…
7. Indica a persoa, o número, o tempo e o modo ao que pertencen as seguintes formas verbais:
prendidas pode gustaríalle escoltar deslízase
8. Realiza a análise morfolóxica e sintáctica das seguintes oracións:
a) Unha sombra escorrégase polo corredor da primeira sala.
b) Faláranlle dun artista francés que pinta magníficamente.
c) Estas intensas verbas foron vertidas por un home baixiño e robusto.
9. Indica as dúas modalidades textuais que aparecen no relato A emigrante.
Indica as súas características.
10. Indica por que motivo as personaxes dos relatos se trasladan a través dos cadros.
¿Paréceche unha historia convincente?.
Escribe un relato no que suceda un suceso fantástico nalgún outro lugar.

viernes, 16 de mayo de 2008

O emperador

Carlos V pasea a cabalo de noite polo Museo, parándose tan só a saudar a figuras como as Tres Grazas de Rubens, a Eva de Durero, a Atalanta de Guido Reni, a Dánae de Tiziano ou as fillas de Lot de Francesco Furini. E para finalmente ante “O triunfo da morte”, de Brueghel, obra na que se interna. Quizás o todopoderoso Carlos V pretendía loitar frente a frente coa Morte, á que chamou, mais ninguén respostou. Finalmente, o emperador regresa pensativo ao seu marco.

“O emperador Carlos V, a cabalo, na batalla de Mühlberg”, de Tiziano.
“O triunfo da Morte”, de Brueghel o Vello.
Consulta un vídeo sobre a obra de Tiziano.
Consulta unha presentación videográfica da obra de Brueghel.

ACTIVIDADES:

- O retrato de Carlos V a cabalo pódese entender mellor a partir da narración que fai Luis de Ávila y Zúñiga do acontecemento que se quere expresar no cadro. Le atentamente o fragmento e entresaca aquelas ideas que pode querer resaltar o artista:

Luego el Emperador y el rey de romanos con sus escuadrones llegaron a la ribera. Iba el Emperador en un caballo español castaño oscuro, el cual le había presentado mosiur de Ri, caballero del orden del Tuson, y su primer camarero; llevaba un caparazón de terciopelo carmesí con franjas de oro, y unas armas blancas y doradas, y no llevaba sobre ellas otra cosa sino la banda muy ancha de tafetán carmesí listada de oro, y un morrion tudesco, y una media hasta, casi venablo, en las manos. Fue como la que escriben de Julio César cuando pasó el Rubicón, y dijo aquellas palabras tan señaladas; y sin duda ninguna cosa más al propio se podía representar a los ojos de los que allí estábamos, porque allí vimos a César que pasaba un río, él armado y con ejército armado, y que de la otra parte no había que tratar sino de vencer, y que el pasar el río había de ser con esta determinación y con esta esperanza; y así, con la una y con la otra el Emperador se metió al agua... Esta batalla ganó el Emperador a 24 de abril de 1547 años, un día después de San Jorge y víspera de San Marco, habiendo doce días que partió de Eguer. Comenzóse sobre el río Albis a las once horas del día; acabóse a las siete de la tarde, habiendo combatido sobre el vado y ganándole al enemigo, y seguídole tres leguas, como está dicho, combatiéndole siempre hasta llegar donde con su sola caballería le prendió, rompiendo su infantería y caballería con tanto ánimo y buena industria, que se puede decir por él, como se dijo por Scipion Emiliano: Ille sapit solus, volitant alii velut umbrae. Esta victoria tan grande el Emperador la atribuyó a Dios, como cosa dada por su mano; y así, dijo aquellas tres palabras de César, trocando la tercera como un príncipe cristiano debe hacer, reconociendo el bien que Dios le hace: “Vine y vi, y Dios venció”. Pareció bien a todos la moderación de ánimo que el Emperador usó con el duque de Sajonia, porque otro vencedor pudiera ser que, contra quien le hubiera ofendido como este le ofendió, no templara su ira como el Emperador lo hizo, la cual es más dificultosa de vencer algunas veces que el enemigo.”

LUIS DE ÁVILA Y ZÚÑIGA

- Ollando o vídeo, comenta cales son as personaxes máis características da obra de Brueghel.

O coloso

O coloso de Goya ten fama de matón. Unha vez entrou no salón do rei Carlos III, outra irrumpiu no aquelarre goyesco e outra molestou a Salomón dormido. E agora inmiscúese entre os borrachos de Velázquez. E ante a posibilidade de que moleste á Madonna do Peixe, os propios borrachos deciden poñer fin a estes abusos e contactan co médico extractor da pedra da tolemia para curalo, e para reducir ao Coloso contan coa axuda de San Xurxo. Unha semana despois, cando o Coloso se dirixía ao Parnaso, e entón San Xurxo abáteo cun mandoble e os borrachos lévano xunto ao médico do Bosco, que opera mentres o Coloso está durmido. Cando este se levanta sáelle voz de tiple. Avergoñado, voltou ao seu marco, do que xa non sae máis para incordiar ás boas xentes do Prado.

“O coloso”, de Goya.
"Carlos III comendo diante da súa corte”, de Luis Paret y Alcázar.
“Aquelarre”, de Goya. Visualiza unha presentación sobre a Quinta do Xordo.
“O soño de Salomón”, de Luca Giordano.
“Os borrachos”, de Velázquez. Olla unha presentación da obra deste autor.
“Madonna do peixe”, de Rafael Sanzio.
“A extracción da pedra da tolemia”, de O Bosco.
“Loita de San Xurxo co dragón”, de Rubens.
“O Parnaso”, de Poussin.

ACTIVIDADES:

- Olla esta reinterpretación do cadro do "Coloso" de Goya. Describe o seu significado en relación coa obra orixinal.
- Identifica a que periodo da produción de Goya pertence "O Coloso".
- Infórmate sobre cando realizou Goya as pinturas negras e que características teñen.
- Inspirándovos nesta "performance" do Triunfo de Baco, tentemos recrear a obra de Velázquez. Cruz y Raya fixeron unha parodia da obra que vos pode inspirar para un texto humorístico a crear nesta representación.
- Identifica neste vídeo as intencións irónicas e alegóricas da pintura de O Bosco. Trata de aplicar as características doutras pinturas súas ás que observas no vídeo.

A visita

A Virxe de Sopetrán, na planta baixa, laméntase de que non lle fagan caso. Por iso, o Arcanxo da “Anunciación” de Fra Angelico proponlle á súa Virxe convocar ás Santas Marías do Prado para visitar á Madonna de Sopetrán e rendirlle pleitesía. E así, reunidas polo arcanos Gabriel, encamíñanse en procesión, encabezadas pola Virxe do Beato Angelico, e en primeira fila van a do retablo de Nicolás Francés, a do Cabaleiro de Montesa, a dos Reis Católicos, a de Luis de Morales, a de Berruguete e as do Greco, ademais das de Velázquez, Alonso Cano e Juan Bautista Maino, Antolinez, Claudio Coello e as de Murillo. Máis atrás van as estranxeiras, entre as que se contan as Dolorosas de Tiziano, a de Giorgione, Luini, Rafael, Andrea del Sarto, Correggio, Dierick Bouts, Memling, Gerard David, Patinir, Mabuse, O Bosco,… Forman un cortexo barroco, ampliado cos seus séquitos. Pero na rotonda hai unha turba múltiple de cabaleiros de armas, entre os que están a soldadesca das “Lanzas” de Velázquez ou os defensores de Cádiz de Zurbarán. Ante a proximidade da saída, as Inmaculadas fan ademán de botarse a voar e abandonar o Museo, mais o arcanos Gabriel convénceas de que se queden para que os visitantes as contemplen na súa gloria. Aínda que non chegaron ata a Virxe de Sopetrán por culpa do balbordo da soldadesca, esta, enterada do acto de homenaxe cara a ela que se promovía, emocionada rende visita á Virxe do Beato Angelico, a partir dese momento cada primeiro xoves de mes ás sete en punto da tarde. E o exemplo é seguido por outras Virxes.

“Anunciación”, do mestre de Sopetrán.
“A Anunciación”, de Fra Angelico.
“Retablo da vida da Virxe e San Francisco”, de Nicolás Francés.

ACTIVIDADES:

- Ao respecto do tema da Anunciación, le o seguinte fragmento da obra de Louis Réau "Iconografía da arte cristiá" e trata de identificar todos aqueles aspectos que se poidan aplicar á pintura de Fra Angelico:

"O que esencialmente diferencia á Anunciación de temas análogos como a Visitación é que os dous principais actores pertencen a mundos diferentes. O anxo é unha criatura celestial, en principio incorpórea, en calquera caso alada e inmortal, que escapa ás leis da pesadez e da morte. A Virxe, pola contra, é unha criatura humana, infinitamente pura, mais sometida a todas as servidumes da condición terreal.
Por outra banda, os dous personaxes difiren non só pola súa esencia senón polo seu papel: o anxo que transmite a mensaxe divina é activo, a Virxe que a recibe é pasiva. A súa reacción, que non se traduce de xeito algún por un consentemento total e inmediato, senón por unha vacilación e un replegue, en calquera caso é moi feble.
De ahí resulta unha disimetría que é inherente ao tema. As dúas figuras son desigualmente expansivas: o anxo das grandes ás despregadas esixe máis espazo que a Virxe amedrentada que se acurruca no recanto do oratorio.
Desde o punto de vista espacial, a consecuencia é que o espazo se fracciona en dúas partes desiguais e disímiles: en vez dun espazo homoxéneo, dunha escena ao aire libre ou interior, temos un espazo mixto, aberto e pechado á vez, cun fóra e cun dentro. Ás veces, o espazo aberto non é máis que un pórtico exterior adosado á casa da Virxe. (...) Esta dualidade do espazo está subliñada pola iluminación: o anxo sempre está da beira da luz, mentres que a Virxe permanece na sombra. (...)"

- Olla este vídeo sobre o retablo da catedral vella de Salamanca e describe como é a estrutura dun retablo.